A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o portavoz do Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez e a deputada de economía da Deputación provincial de Lugo, Pilar García Porto, o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo Javier Bueno Lema e o Vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois entre outras autoridades, visitaron hoxe en Lugo o Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET) e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina.
O interese na realización desta visita enmárcase na estratexia de apoio á biotecnoloxía en Galicia, un sector identificado como estratéxico pola Xunta de Galicia, e que desenvolve un rol de panca de competitividade para moitos outros sectores que teñen un gran peso na economía galega, como a agricultura e a gandería, por exemplo.
O CEBIOVET naceu en 2016 para completar as instalacións das que xa dispoñía a Universidade de Santiago de Compostela no ámbito da medicina veterinaria, a Facultade de Veterinaria e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, abrindo así novas posibilidades de investigación ao posibilitar o traballo con modelos animais máis próximos á especie humana. Está dotado das infraestruturas precisas para o uso investigador, como: quirófanos, salas de pre e post operatorio, farmacia, sala de preparación de mostras, boxes para estudos metabólicos e áreas de corentena, ademais doutras para usos administrativos ou de servizo.
Deste xeito, non só cubre as necesidades docentes e de investigación da Facultade de Veterinaria, que ocupa unha posición relevante a nivel estatal e europeo, senón que aspira a converterse nun polo de referencia a nivel de todo o noroeste peninsular para a investigación en medianos e grandes animais.
En 2017 e 2018 está a participar en proxectos de investigación, en colaboración con empresas, outras universidades e centros de investigación, en ámbitos como o desenvolvemento de inmunoterapia para loitar contra o Alzheimer en cans; colocación de implantes e preservación da cresta alveolar en cans; tests de validación de dispositivos de monitorización de cans ou novas estratexias para a reconstrución de osos do cranio tras traumatismos e enfermidades en nenos, experimentando en porcos.